Estrela Vermella Vs Fillos de Breogán: A competición fai un punto e aparte

Clasificación final 19/20

O 8 de marzo do 2020 vaise recordar por moitos motivos en todo o mundo. En España e no mundo levávanse a cabo manifestacións polo día da muller, celebrábanse mitins políticos dalgúns partidos por mor da celebración das próximas eleccións o goberno… e no mundo do gaélico galego, desputábase o encontro máis interesante da Liga. O que enfrontaría os santiagueses do Estrela Vermella, líderes da competición (tendo gañado o partido de ida na Coruña por 1 punto de vantaxe) contra os Fillos de Breogán, grandes candidatos ó título despois das cómodas victorias nos partidos desputados tanto lonxe da Coruña como na cidade herculina (a excepción deste partido mencionado).

Os homes de Seijas viaxaban ó campo de Chaián, no concello de Trazo, con prácticamente todos os seus efectivos coa idea de levarse os 2 puntos de volta para Coruña, sabendo que non ía ser un partido sinxelo contra o que sempre foi o rival máis forte. Foi un partido moi desputado, no que ambos conxuntos despregaron un xogo rápido, vistoso e vibrante, con moitas alternativas, pero que case sempre estivo nas máns dos coruñeses, chegando a ter unha diferencia no marcador de varios puntos. Sen embargo, os santiagueses nunca tiraron a toalla e chegaban o final do encontro con opcións.

Paradoxas do destino, o resultado final 22-23 para os da Coruña, deixaba máis igualada aínda a liga, xa que tanto os blanquiazuis como os blaugrana tiñan o mesmo numero de puntos, e a mesma diferencia de puntos nos seus enfrontamentos individuais.

A falta dun partido adiado por desputar a cada equipo, todo estaba por decidir. Mesmo se falaba da posibilidade de xogar un REPLAY (tipico no mundo anglosaxon) que non sería mais que repetir o partido entre os dous equipos, sempre e cando os resultados dos partidos restantes fosen sendas victorias e acadasen a liga igualados.

Aínda así, o 14 de marzo interrompíase a nosa vida coa imparable aparición do COVID-19, bloquearía o mundo durante varios meses, e consecuentemente a vida deportiva.

Despois de varias teorías sobre a volta os terreos de futbol para rematar a tempada, descartouse e rapidamente comezou a organizarse o que sería a volta a Nova-Normalidade do gaélico galego. Tempada 20/21.

Cuarta Xornada. 16 Novembro 2019

Dobre vitoria para o clube nesta fin de semana de desprazamentos, onde as Fillas acadan a súa primeira victoria nesta liga e Fillos continúa a súa boa racha.

Comezaban as fillas de Breogán co seu desprazamento ata Gondomar, a viaxe máis longa da liga galega onde se atoparían ás rapazas de Turonia, que no seu segundo ano de competición, están facendo un moi bo papel aportando xogadoras á Selección Galega. Os prognósticos para as nosas rapazas non eran bos, xa que viñan de colleitar dúas duras derrotas fronte Estrela e Auriense, e contaban con numerosas baixas para xogar debido ó horario e á distancia do desprazamento.

Partido igualado onde a vitoria finalmente viaxou cara Coruña. Comezaba o partido con moita intensidade por parte de ambos equipos. As xogadoras do Turonia, non baixaron o ritmo en ningún momento alentadas polos intentos da súa dianteira cara a portería rival, máis as Fillas de Breogán, férreas en defensa, impediron a transformación da maioría deses disparos. Ao descanso, o marcador ofrecía unha vantaxe de 12 puntos para as rapazas da Coruña que saían de novo ao campo cun claro obxectivo, manter a intensidade.

Durante a segunda parte, as combinacións encadeadas entre as rapazas de Fillas, creando xogadas dende a defensa, culminaron no acerto a portería aumentado o número de goles para o combinado herculino, facendo que a chagada a paos das xogadoras de Gondomar fose insuficiente para facerse co partido. O resultado final foi de Turonia FGF (3-14) – (6-18) Fillas de Breogán.

As 17:00 horas era o turno dos Fillos, que viaxaban á Illa de Arousa con algunha baixa por lesión, pero cun plantel moi competitivo. Descoñecedores do nivel que amosarían os locais, os Fillos saíron moi ben posicionados, cunha alta presión a todo o campo e tentando dominar o marcador dende o comezo, finalizando todas as xogadas que tiñan. Os primeiros minutos demostraron que os Fillos viñan a gañar e demostrar que, xogasen onde xogasen, non demostrarían síntomas de fraqueza. Na primeira metade, pese a encaixar 1 gol e 3 puntos, dominaban a pracer chegando a meter 12 goles e rematando a punto outras tantas xogadas. No descanso lideraban 50 a 6.

Na segunda parte os visitantes cambiaron a estratexia e probaron a rematar a maioría de xogadas a punto, deixando mover máis a pelota ó equipo visitante, tan so encaixaron 4 puntos fronte ós case 30 dos coruñeses. Resultado final 1-7 78. A nota negativa deuna o noso porteiro Juan Mejuto, que tivo que ser trocado na segunda parte tras levar un golpe nas costelas loitando por un balón divido. Agardamos que se recupere e volva pronto.

Terceira Xornada. 9 novembro 2019

Despois do parón da fin de semana pasada, volvía a Liga Galega de Fútbol Gaélico á cidade herculina con dous encontros, ás 14:00 tería lugar o partidos masculino e ás 15:30 o feminino.

Fillos Vs Cambados FG

Os rapaces xogaban a terceira xornada contra o Cambados FG, mentres que as rapazas afrontaban o seu segundo encontro de liga contra as santiaguesas de Estrela Vermella.

Os primeiros en saltar o terreo de xogo do campo 3 da torre foron os Fillos, en fronte a eles, un equipo que viña de gañar o seu anterior partido ante Dorna da Illa Arousa, no que foi un partido moi igualado.

Nun encontro no que o vento xogou un papel importante para o desenrolo do xogo, os 9 de Seijas saíron moi enchufados e con gañas de decantar o marcador no seu favor. Cunha boa presión en todo o campo, os herculinos combinaban en ataque e defendían con moita intensidade, roubando rapidamente a bola e finalizando as xogadas a punto e a gol. A pesar de ter o vento en contra, provocando que varios tiros de longa distancia se quedasen curtos, a vantaxe foi bastante alta no marcador cun 5-7 (19) a 0-3 (3) para os visitantes.

Na segunda parte, co vento a favor para os coruñeses e as forzas dos pontevedreses en declive, os nosos foron capaces de incrementar as diferencias metendo 24 puntos mais e deixando a súa meta a cero. Resultado final 43-3 para os locais.

Ás 15:30 comezaba o encontro das rapazas, que se enfrontaban as líderes da liga e que viñan de facer un bo papel no Pan-Europeo de Viena. As rapazas de Víctor Santos saíron ó terreo de xogo coa intención de prolongar a súa boa dinámica de xogo. As santiaguesas comezaron máis enchufadas e botáronse arriba, aproveitando o vento a favor e a alta presión puxéronse por diante no marcador e tiveron un último tirón no que collerían varios tantos de vantaxe. Ás Fillas custáballes traballo mover a bola no medio campo e so conseguían tantos de falta na frontal da area. No descanso o marcador era 2 tantos a 10 para as visitantes.

Na segunda parte do encontro, as Fillas saíron cunha mentalidade máis ofensiva e cunha maior garra. Loitaron moito no medio campo e conseguiron facerse coa maioría dos balóns divididos, e gañando en posesión. Conseguiron marcar varios goles e tantos para achegarse no marcador. Sen embargo, as santiaguesas tiñan marxe de puntos suficiente para levarse os 2 puntos para a casa. Resultado final, 12-21.

Destacar a boa asistencia de publico tanto no partido masculino e feminino que, pese ó complicado do horario, animou os rapaces e as rapazas durante os dous encontros.

Segunda Xornada. 27 Outubro 2019

O domingo 27 de outubro, no campo de fútbol de Chaián-Augasantas (concello de Trazo) celebrouse a segunda xornada da Liga Galega. Como rival, o sempre temible Estrela Vermelha de Santiago, aínda que desta volta co seu filial, composto por xogadores novos que queren demostrar o bo nivel da canteira santiaguesa.

Os homes de Seijas chegaron ás instalacións onde tería lugar o encontro con unha hora de antelación, para centrarse en afrontar o choque de forma seria e intensa. Pese a ser o segundo ano de vida deste equipo B do Estrela Vermella, contaban con algúns xogadores que xa militaron no primeiro equipo, e sobre todo coa mesma garra e intensidade que caracteriza o equipo santiagués.

O partido comezaba ben para os nosos. Os 9 de inicio saíron con moita intensidade con gañas de demostrar a gran fortaleza e conxunto que se está a crear. Pronto, a presión e os pases entre liñas decantaron a balanza para os Fillos. Con 2 goles e 5 puntos nos primeiros minutos, fronte a un Estrela Gaels ó que lle custaba combinar e sacar a bola xogada. Os primeiros 20 minutos de partido foron claramente branquiazuis, dominando no marcador por un contundente 1-22. Sen embargo, nos últimos minutos da primeira parte, os locais conseguen meter 2 goles e manter así no partido. Pese a todo, os Fillos seguían mantendo unha diferencia alta ó descanso, liderando 29-8.

A segunda parte comeza coa mesma intensidade que a primeira, tralo descanso físico e algunhas correccións tácticas por parte do adestrador. Mudou un pouco a estratexia para intentar reducir as combinacións do rival no medio campo. Os fillos gañaban os balóns en 3 cuartos de campo, deixando bastantes espazos no medio e na defensa. O equipo santiagués tentaba frear os nosos atacantes acumulando xente na frontal do seu campo, para logo sacar a bola buscando os desmarques en longo dos seus dianteiros. Foron capaces de finalizar máis veces a paus, pero tan só conseguiron un gol máis que tivo que chegar dende o punto de penalti. Os nosos atacantes continuaron incrementando as diferencias, conseguindo catro goles máis (un deles tamén de penalti) e once puntos dende a distancia. O resultado final, 16-52 con cor branquiazul.

Pese a que a próxima fin de semana tanto a liga masculina como a feminina descansan por mor da festividade, esta semana continúan os adestramentos, luns en San Pedro de Nos de 21:00 a 22:30 horas e mércores na Torre de 21:30 a 23:00 horas.

CAMPIOAS EN VIENA!

Tras varios meses de preparación e organización por parte do club, 10 das nosas xogadoras e xogadores viaxaron ata a capital austríaca para disputar o Pan Europeo, un torneo onde se enfrontaron escuadras de toda Europa. Tanto rapaces como rapazas quedaron encadrados na categoría Intermediate, cruzándose con equipos de nivel como Lovaina, Nantes, Varsovia, París ou Múnic, entre outros.

Os nosos rapaces non contaban con efectivos suficientes como para presentar equipo, polo que uniron forzas cos seus semellantes de Valencia e formaron un combinado para saír a competir. Comezaron o torneo o sábado as 8:30 AM nun grupo duro, fronte a equipos veteranos como Leuven (Lovaina), Jersey e Nantes. Os resultados respectivos foron unha derrota, un empate e unha vitoria. A seguinte rolda, xa despois de comer, sería contra o Varsovia B para loitar polo 5 ou 6 posto. Logo dun partido moi físico e con moitas variacións no marcador, os nosos representantes acadaban a vitoria por 1 punto de diferencia anotado na última xogada do partido. A continuación veríanse as caras contra os holandeses de Den Haag, nun dos últimos partidos do torneo. Os nosos rivais, cunha mestura entre xogadores experimentados e novos, demostraron ser máis eficaces nos seus achegamentos a portería e finalmente acadarían a vitoria. Polo tanto, o combinado valenciano-coruñés acadaba así un meritorio sexto posto na súa categoría.

A gran noticia positiva chegaría gracias ás nosas Fillas, medrando como equipo partido a partido e mostrando un gran nivel que foi en incremento durante toda a competencia. Ás seis representantes do club xuntaríanse dúas integrantes de Gaélicos do Gran Sol (Gema e Marta), dúas de Éire Óg Sevilla (Cristina e Stéphanie) e unha de Valencia (Francesca), que non fixeron máis que sumar e formar un gran bloque dende o inicio da viaxe. Algunhas das rapazas coñecíanse de xogar xuntas este verán no mundial disputado en Waterford (Irlanda), polo que foi moi sinxelo o entendemento entre elas.

As Fillas comezaban a súa participación ás 10:00 da maña. O grupo no que se encontraban incluía equipos como Varsovia, Praga, e Viena. Despregando un gran xogo de combinación e moi eficaz de cara á meta rival, conseguían tres incontestables vitorias coas que finalizaron a fase de grupos liderando a clasificación. Xa nos cruces, habería que superar a Múnic (primeiras do seu grupo) para poder acadar a o partido que da dareito a loitar polas medallas, e logo dun partido moi traballado, a vitoria tinguiuse de branquiazul e as Fillas clasificábanse para a gran final. O rival que lles agardaba era París, unha das grandes favoritas para levarse o título a terras francesas e que viña de reforzar o equipo con xogadoras belgas. Comezaba así un partido moi duro e igualado cunhas rivais coñecidas doutros torneos. A pesar de contar con poucos cambios e agravado pola sanción dunha das nosas defensas, o que lle impediu ser da partida, as nosas rapazas nunca lle perderon a cara ó encontro e chegaban ó descanso un punto por abaixo no marcador. Un gran último esforzo na segunda metade sumado á gran efectividade de cara á portería rival, acabaría dándolle a vitoria final a Fillas. Un premio sen dúbida proporcional ó gran torneo que fixeron todas as integrantes do equipo.

Panaeuropeo Viena 2019

Durante esta fin de semana terá lugar en Viena o Pan Europeo de clubs, que reunirá nunha competición de un día a arredor de 700 xogadores de todo o continente na capital austríaca.

Nesta ocasión, alégranos anunciar que o noso club terá representación, tanto feminina como masculina, nesta competición. As Fillas presentan equipo coa axuda de xogadoras de Gaélicos do Gran Sol (Barcelona), Valencia GAA e Éire Óg Sevilla. As nosas rapazas loitarán para traer á Coruña o título en categoría Intermediate. Por outra banda, os rapaces unirán as súas forzas cos compañeiros de Valencia GAA, formando así un combinado que loitará na categoría Intermediate polo triunfo final.

Tanto as nosas rapazas como os rapaces darán o mellor de si para deixar o Gaélico Galego en bo lugar, e así mostrar o potencial que ten a nosa liga xunto cos compañeiros de Estrela Vermelha, Irmandinhos da Estrada, Herdeiras de Dhais e de outros xogadores da liga que se unirán a diferentes equipos.

Primeira Xornada. 12 Outubro 2019

Volveu a Liga Galega de fútbol gaélico, e comezou na cidade herculina, cos enfrontamentos masculino e feminino entre as Fillas e Fillos de Breogán e o Auriense FG. A primeira xornada comezaba nos campos de fútbol da Torre enfrontamento entre as escuadras da categoría masculina, e a continuación tocaríalle ás rapazas. Os resultados deixan un sabor agridoce, cunnha vitoria contundente para os homes, e derrota dolorosa (pola mínima) das mulleres.

Os xogadores de Seijas comezaban o encontro as 14 horas fronte a un rival que viña de vencer e convencer no remate da pasada campaña, batendo ó equipo coruñés con claridade na cidade das Burgas, e tendo moi bos resultados na copa galega, caendo na final, e no ibérico, proclamándose vencedores. Tralas derrotas acadadas nos pasados encontros de preparación fronte os Madrid Harps, en Salamanca, e os Herdeiros de Dhais, na Coruña, os nosos rapaces tiñan moitas ganas de amosar todo o potencial acadado nos adestramentos de pretempada.

Comezo moi serio con algunha baixa por lesión ou indisposición, un cadro de 15 xogadores que lle poñía as cousas difíciles ó adestrador para confeccionar o equipo titular. Cunha idea de xogo clara e unha boa disposición do equipo no campo, os xogadores puxéronse cedo por diante. Golpearon varias veces a portería do rival, tanto con goles coma con puntos, e a alta presión non dou respiro ós ourensáns. Nos primeiros 15 minutos, os coruñeses dominaban no marcador por un contundente 14-2 e non baixarían o ritmo ata o descanso, conseguindo elevar a diferencia até os 26-7. Tanto a forma física da escuadra como as condición meteorolóxicas estaban do lado branquiazul.

Tralo descanso, o esforzo pasou factura e o equipo visitante fixo un intento por achegarse no marcador. Sen embargo, as rotacións e o cambio de sistema reestruturou o equipo e non só conseguiu manter a diferencia, senón incluso aumentala. O final do partido, o marcador reflexou un 39 (7-18) – 14 (2-8).

Ás 15:30 tocáballe ás rapazas adestradas por Víctor Santos, conxunto que chegaba cunhas sensacións similares ó masculino tralo triangular disputado o pasado fin de semana contra Estrela Vermelha e Herdeiras de Dhais. As rapazas tiñan moitas ganas de comezar, sobre todo as novas incorporacións, e poñer en práctica a táctica traballada nos adestramentos, aínda que tamén contaban con varias baixas importantes. E facíano contra un grandísimo rival, aspirante a finalizar na parte superior da clasificación e facendo un moi bo papel na pasada tempada. Comezaba o partido con moitos nervios e imprecisións no equipo das Fillas, e cun Auriense que avanzaba a campo rival sen complexos. Dominou no xogo pero non acadou grandes diferencias no marcador. No descanso, as visitantes vencían por 3 puntos de diferencia gracias a dous goles.

Tralo comezo da segunda metade, un cambio de estratexia e actitude das nosas xogadoras puxo ó equipo visitante contra as cordas e estivo a punto de igualar o encontro en dúas ocasións. A mala sorte e as innumerables oportunidades que bateron nos paus (polo menos 2 en cada parte) deron coa primeira derrota das nosas rapazas. O resultado final, 11 (1-8) – 12 (2-6) para as ourensás. Unha magoa xa que a reacción que tiveron as nosas compañeiras demostrou que hai potencial para facer moitas cousas, e agardamos que o tempo poña o noso equipo onde se merece.

Amigable |Fillos vs Madrid Harps

Salamanca. Setembro 2019

A derradeira fin de semana de Setembro tivo lugar en terras salmantinas un partido amigable entre os Fillos de Breogán (equipo masculino) e os Madrid Harps. Por desgracia, desta volta o noso equipo feminino non puido disputar o encontro contra as madrileñas.

O obxectivo deste encontro era medir as forzas e o nivel de preparación de dous equipos consolidados no gaélico nacional, cada un cos seus respectivos obxectivos. Os coruñeses, aínda sen comezar a liga, disputaban o seu primeiro amigable contra un equipo de gran nivel, mentres que os madrileños tiñan no punto de mira o Europeo de Viena que os enfrontará ós mellores equipos do continente.

Case a totalidade do equipo viaxou un dia antes para poder descansar e preparar o encontro e facer grupo. Aloxados no centro da cidade, os nosos xogadores puideron desfrutar do ambiente desta gran urbe. O sábado pola maña almorzaron polos arredores do hotel, e cara as 14:30 puxeron rumbo cara ás aforas, no entorno rural, para disputar o encontro contra Harps.

Como anécdota, destacar que un erro coa dirección nos nosos GPS provocou que trabucásemos a dirección do campo e rematásemos nun lugar equivocado. Os xogadores do Madrid Harps estaban a agardar nas instalacións do concello de Villoria. Chegamos a finalizar a primeira metade do partido, antes de que nos avisaran a través das redes sociais que realmente o partido tiña que xogarse en Villoruela, a escasos quilómetros de onde nos atopábamos. Así nos diriximos até o municipio veciño, onde agora si, xogamos o resto do encontro. Finalmente foron 4 metades duns 20 minutos cada unha as que se xogaron, cun resultado de 3-1 para os madrileños.

Agradecer enormemente a predisposición tanto das institucións de Villoruela como dos seus habitantes por facilitar a disputa deste encontro. O rematar o partido, dirixímonos a un local da contorna de Villoria para celebrar o xa típico terceiro tempo co equipo rival, onde nos agardaban algúns pratos típicos da cociña salmantina.

De volta a Salamanca, puidemos desfrutar do ambiente nocturno desta cidade e mesmo celebramos un “cuarto tempo” cos membros da organización do partido, onde puidemos coñecernos mellor e estreitar lazo. Outra viaxe para o recordo e chea de anécdotas.

Referencias

https://www.salamanca24horas.com/texto-diario/mostrar/1539702/futbol-gaelico-llega-salamanca
https://www.salamanca24horas.com/texto-diario/mostrar/1540163/video-villoria-villoruela-futbol-gaelico-estrena-salamanca-confusion-pueblo
https://salamancartvaldia.es/not/220436/futbol-gaelico-asi-deporte-acogio-este-sabado-villoruela/