
Tras varios meses de preparación e organización por parte do club, 10 das nosas xogadoras e xogadores viaxaron ata a capital austríaca para disputar o Pan Europeo, un torneo onde se enfrontaron escuadras de toda Europa. Tanto rapaces como rapazas quedaron encadrados na categoría Intermediate, cruzándose con equipos de nivel como Lovaina, Nantes, Varsovia, París ou Múnic, entre outros.
Os nosos rapaces non contaban con efectivos suficientes como para presentar equipo, polo que uniron forzas cos seus semellantes de Valencia e formaron un combinado para saír a competir. Comezaron o torneo o sábado as 8:30 AM nun grupo duro, fronte a equipos veteranos como Leuven (Lovaina), Jersey e Nantes. Os resultados respectivos foron unha derrota, un empate e unha vitoria. A seguinte rolda, xa despois de comer, sería contra o Varsovia B para loitar polo 5 ou 6 posto. Logo dun partido moi físico e con moitas variacións no marcador, os nosos representantes acadaban a vitoria por 1 punto de diferencia anotado na última xogada do partido. A continuación veríanse as caras contra os holandeses de Den Haag, nun dos últimos partidos do torneo. Os nosos rivais, cunha mestura entre xogadores experimentados e novos, demostraron ser máis eficaces nos seus achegamentos a portería e finalmente acadarían a vitoria. Polo tanto, o combinado valenciano-coruñés acadaba así un meritorio sexto posto na súa categoría.
A gran noticia positiva chegaría gracias ás nosas Fillas, medrando como equipo partido a partido e mostrando un gran nivel que foi en incremento durante toda a competencia. Ás seis representantes do club xuntaríanse dúas integrantes de Gaélicos do Gran Sol (Gema e Marta), dúas de Éire Óg Sevilla (Cristina e Stéphanie) e unha de Valencia (Francesca), que non fixeron máis que sumar e formar un gran bloque dende o inicio da viaxe. Algunhas das rapazas coñecíanse de xogar xuntas este verán no mundial disputado en Waterford (Irlanda), polo que foi moi sinxelo o entendemento entre elas.
As Fillas comezaban a súa participación ás 10:00 da maña. O grupo no que se encontraban incluía equipos como Varsovia, Praga, e Viena. Despregando un gran xogo de combinación e moi eficaz de cara á meta rival, conseguían tres incontestables vitorias coas que finalizaron a fase de grupos liderando a clasificación. Xa nos cruces, habería que superar a Múnic (primeiras do seu grupo) para poder acadar a o partido que da dareito a loitar polas medallas, e logo dun partido moi traballado, a vitoria tinguiuse de branquiazul e as Fillas clasificábanse para a gran final. O rival que lles agardaba era París, unha das grandes favoritas para levarse o título a terras francesas e que viña de reforzar o equipo con xogadoras belgas. Comezaba así un partido moi duro e igualado cunhas rivais coñecidas doutros torneos. A pesar de contar con poucos cambios e agravado pola sanción dunha das nosas defensas, o que lle impediu ser da partida, as nosas rapazas nunca lle perderon a cara ó encontro e chegaban ó descanso un punto por abaixo no marcador. Un gran último esforzo na segunda metade sumado á gran efectividade de cara á portería rival, acabaría dándolle a vitoria final a Fillas. Un premio sen dúbida proporcional ó gran torneo que fixeron todas as integrantes do equipo.