Primeira Xornada. 12 Outubro 2019

Volveu a Liga Galega de fútbol gaélico, e comezou na cidade herculina, cos enfrontamentos masculino e feminino entre as Fillas e Fillos de Breogán e o Auriense FG. A primeira xornada comezaba nos campos de fútbol da Torre enfrontamento entre as escuadras da categoría masculina, e a continuación tocaríalle ás rapazas. Os resultados deixan un sabor agridoce, cunnha vitoria contundente para os homes, e derrota dolorosa (pola mínima) das mulleres.

Os xogadores de Seijas comezaban o encontro as 14 horas fronte a un rival que viña de vencer e convencer no remate da pasada campaña, batendo ó equipo coruñés con claridade na cidade das Burgas, e tendo moi bos resultados na copa galega, caendo na final, e no ibérico, proclamándose vencedores. Tralas derrotas acadadas nos pasados encontros de preparación fronte os Madrid Harps, en Salamanca, e os Herdeiros de Dhais, na Coruña, os nosos rapaces tiñan moitas ganas de amosar todo o potencial acadado nos adestramentos de pretempada.

Comezo moi serio con algunha baixa por lesión ou indisposición, un cadro de 15 xogadores que lle poñía as cousas difíciles ó adestrador para confeccionar o equipo titular. Cunha idea de xogo clara e unha boa disposición do equipo no campo, os xogadores puxéronse cedo por diante. Golpearon varias veces a portería do rival, tanto con goles coma con puntos, e a alta presión non dou respiro ós ourensáns. Nos primeiros 15 minutos, os coruñeses dominaban no marcador por un contundente 14-2 e non baixarían o ritmo ata o descanso, conseguindo elevar a diferencia até os 26-7. Tanto a forma física da escuadra como as condición meteorolóxicas estaban do lado branquiazul.

Tralo descanso, o esforzo pasou factura e o equipo visitante fixo un intento por achegarse no marcador. Sen embargo, as rotacións e o cambio de sistema reestruturou o equipo e non só conseguiu manter a diferencia, senón incluso aumentala. O final do partido, o marcador reflexou un 39 (7-18) – 14 (2-8).

Ás 15:30 tocáballe ás rapazas adestradas por Víctor Santos, conxunto que chegaba cunhas sensacións similares ó masculino tralo triangular disputado o pasado fin de semana contra Estrela Vermelha e Herdeiras de Dhais. As rapazas tiñan moitas ganas de comezar, sobre todo as novas incorporacións, e poñer en práctica a táctica traballada nos adestramentos, aínda que tamén contaban con varias baixas importantes. E facíano contra un grandísimo rival, aspirante a finalizar na parte superior da clasificación e facendo un moi bo papel na pasada tempada. Comezaba o partido con moitos nervios e imprecisións no equipo das Fillas, e cun Auriense que avanzaba a campo rival sen complexos. Dominou no xogo pero non acadou grandes diferencias no marcador. No descanso, as visitantes vencían por 3 puntos de diferencia gracias a dous goles.

Tralo comezo da segunda metade, un cambio de estratexia e actitude das nosas xogadoras puxo ó equipo visitante contra as cordas e estivo a punto de igualar o encontro en dúas ocasións. A mala sorte e as innumerables oportunidades que bateron nos paus (polo menos 2 en cada parte) deron coa primeira derrota das nosas rapazas. O resultado final, 11 (1-8) – 12 (2-6) para as ourensás. Unha magoa xa que a reacción que tiveron as nosas compañeiras demostrou que hai potencial para facer moitas cousas, e agardamos que o tempo poña o noso equipo onde se merece.