Gran participación de Fillos de Breogán na Eurocopa de seleccións

Esta fin de semana celebrouse a Eurocopa de Seleccións en Pontevedra e Poio, gozando dunha numerosa participación de xogadores e xogadoras de Fillos de Breogán.

Un campionato e un subcampionato para os equipos femininos

A selección de Galicia A contou, como xa é habitual, coa presencia de Alba e Leti. As de Pablo da Silva obtiveron pleno de vitorias na fase de grupos, impoñéndose a Francia B, Alemaña, Luxemburgo e Bretaña. Xa na fase final da Copa, derrotaron á selección de Benelux pero non foron quen de vencer á favorita do torneo, Francia, nun partido moi disputado pero que finalmente se levaron as galas cun 15 (3 – 06) – 10 (1 – 07).

A selección feminina B contou coas xogadoras de Fillas Vane, Jenny e Iria. Este combinado finalizou a fase de grupos en terceira posición, que supoñía o seu pase á Copa, aínda que polas normas do torneo non podía haber dous equipos da mesma selección na fase final e finalmente xogaron a Shield. Na fase de grupos conseguiron tres vitorias contra o equipo da GGE, Luxemburgo  e Iberia, sendo derrotadas polas seleccións de Francia A e Benelux. Na fase final abríronse paso á final tras vencer a Bretaña, e un gol no último suspiro do partido deulles a vitoria ante Francia B por 6 (1 – 03) –  7 (1 – 04), alzándose así coa copa Shield.

Houbo tamén presencia de Fillas de Breogán na selección de Iberia, que contou con Kamy, Oli e Cris. O combinado ibérico finalizou en cuarta posición tras vencer ao equipo da GGE e saír derrotadas ante Benelux, Galicia B, Francia A, aínda que ocuparon a praza de Galicia B na fase final da Copa, caendo derrotadas na semifinal ante Luxemburgo.

Pleno de pases ás fases finais nos campionatos masculinos, cun meritorio triunfo na categoría Development

A participación de Fillos de Breogán tampouco foi menor nos combinados masculinos, que contou con Dani Vaamonde e Javi Cagiao na selección galega absoluta. Galicia sufriu un pouco máis na fase de grupos que as súas homólogas femininas, xa que acadou o pase á fase final xa na segunda xornada do europeo tras impoñerse a Benelux, Iberia e Bretaña, e saír derrotada ante Luxemburgo e Francia, sendo expulsados do torneo na semifinais da Copa por este último combinado.

Galicia tamén contou cun combinado na categoría Development, con presencia de Fillos tanto no corpo técnico, da man de Alberto Méndez, coma no campo, onde Bruno foi o noso representante. A participación desta selección no seu torneo foi memorable e os de Méndez finalizaron a competición invictos tras vencer a Occitania, Alemaña, Gascoña e Italia nas fases de grupos, o equipo da GGE na semifinal da Copa e a Francia B na final.

A selección con maior presencia do noso club foi, sen dúbida, a absoluta de Iberia, na que participaron Iago, Diego Sánchez, Rober, Martín, Fran Angueira, Ángel, Nafa, Dani Vázquez e Víctor. Este equipo tamén esperou ao derradeiro partido da fase de grupos para acadar o seu pase á fase final da Copa, trala vitoria ante Benelux e as derrotas ante Francia, Galicia, Luxemburgo e Bretaña. Ao igual que o combinado galego, a sorte non acompañou na fase final da Copa, xa que desta volta caeron derrotados ante Benelux.

Remata a temporada 21/22 coa participación nas Finais Ibéricas

Fillos de Breogán deu por rematada a temporada 21/22 coa participación nas Finais Ibéricas celebradas en Valencia.

A competición masculina consistiu nunha fase de grupos con tres equipos cada un, seguida por semifinais e final. Os Fillos de Breogán impuxéronse a Herdeiros de Dhais na fase de grupos, non así a Madrid Harps, aínda que conseguindo igualmente o pase ás semifinais. Neste partido caeron derrotados contra Valencia, os vencedores da competición, e remataron o torneo nunha meritoria terceira posición tras impoñerse a Éire Óg Sevilla.

Na competición feminina, as Fillas de Breogán xogaron unha fase de grupos formada polos cinco equipos participantes. Tras dúas derrotas moi axustadas contra Barcelona e Independiente-Turonia e outra máis clara contra as vencedoras da competición, Valencia, as Fillas gañaron a Éire Óg Sevilla rematando o torneo na cuarta posición.

Desde Fillos de Breogán queremos dar as grazas aos compañeiros de Independiente-Turonia e Éire Óg Sevilla que completaron o equipo masculino, así como ás compañeiras de Estrela Vermella que xogaron co noso equipo feminino.

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico realizou unha reportaxe fotográfica do Torneo que podedes ver nesta ligazón.

Doce anos de historia

Compartimos convosco algunhas das camisetas que levamos dende os inicios do equipo, até a temporada pasada. Cal é a túa favorita?

Ártabros

Fillos de Breogán

Fillos de Breogán – Vintage

Camiseta de adestramento

Proximamente á venda!

Nova temporada, mesma ilusión

Comezamos unha nova temporada, con nova camisola.

Novo formato de liga. Dúas competicións: Apertura (de setembro/outubro a decembro), e Clausura (de xaneiro a marzo). Dous títulos polos que pelexar.

Na foto, caras novas e vellas coñecidas. Todos benvidos!

Forza Fillos!

💖Nemo Rangers & Fillos de Breogan💙

Camisolas do Nemo Rangers, Fillos de Breogan, Cork (County) e Seleccion Galega

No verán do 2021 visitounos unha persoa moi especial. John O’ Keeffe é un rapaz de Cork que veu á Coruña hai dez anos, cando o equipo de Fillos levaba pouco tempo formado, e ensinounos como se xoga a este deporte tan apaixonante.

Dez anos despois volveu coñecer os actuais xogadores, e o club que tanto medrou logo da súa primeira chegada á capital herculina. Tróuxonos uns agasallos: uns sticks e bólas de Hurling por se algun día montamos un equipo desta modalidade. Pese a ter máis afección polo Hurling que polo Football, moitas das regras son moi similares.

Moitas grazas, John. Sabes que na Coruña sempre serás ben recibido.

Bicampións!

Novo título para os Fillos de Breogán.

Logo de derrotar a Keltoi nas semifinais, sendo coma todos os partidos desta tempada bastante intenso e disputado, o conxunto coruñés xogaríase a Copa contra o eterno rival: o Estrela Vermella de Santiago.

Mermados fisicamente e con poucos cambios, o equipo santiagués realizou un xogo moi defensivo, e soamente puido procurar que o resultado non fose moi abultado.

Esta foi sen dúbida a guinda do pastel a unha tempada 10 como equipo. Parabéns a todos!

Copa All Galicia

Logo de se clasificar para a fase final da copa All Galicia, os Fillos de Breogán enfrontaranse aos vellos coñecidos do Keltoi, equipo co que disputou o titulo de liga hai unhas semanas. Se logran a victoria, enfrontaranse ao gañador da outra semifinal (Estrela Vermella ou Auriense).

Campións de Liga 20/21

Os fillos de Breogán proclámanse campions da liga galega 20/21 tras enfrontarse ao equipo de Keltoi Vigo na súa casa, nos campos da ETEA.

O conxunto masculino remata a liga invicto, e continúa a boa xeira de resultados xa que non perde dende o partido de ida contra o Estrela Vermelha na primeira volta da temporada 19/20.

Agora toca preparar a Copa All Galicia, que se xogará primeiro en formato eliminatoria, e despois haberá unha fase final cos mellores equipos de Galicia.

Adestramentos na Nova Normalidade

Unha das temporadas máis exitosas de asistencia aos adestramentos. Voltamos aos campos de xogo despois de varios meses afastados deles e sen contacto cos nosos compañeiros e compañeiras.

Despois de meses de confinamento, e con medidas moi restrictivas de distanciamento social, voltamos adestrar e fixémolo con moitas ganas.

Benvidos e Benvidas, Fill@s de Breogán.