O domingo 27 de outubro, no campo de fútbol de Chaián-Augasantas (concello de Trazo) celebrouse a segunda xornada da Liga Galega. Como rival, o sempre temible Estrela Vermelha de Santiago, aínda que desta volta co seu filial, composto por xogadores novos que queren demostrar o bo nivel da canteira santiaguesa.
Os homes de Seijas chegaron ás instalacións onde tería lugar o encontro con unha hora de antelación, para centrarse en afrontar o choque de forma seria e intensa. Pese a ser o segundo ano de vida deste equipo B do Estrela Vermella, contaban con algúns xogadores que xa militaron no primeiro equipo, e sobre todo coa mesma garra e intensidade que caracteriza o equipo santiagués.
O partido comezaba ben para os nosos. Os 9 de inicio saíron con moita intensidade con gañas de demostrar a gran fortaleza e conxunto que se está a crear. Pronto, a presión e os pases entre liñas decantaron a balanza para os Fillos. Con 2 goles e 5 puntos nos primeiros minutos, fronte a un Estrela Gaels ó que lle custaba combinar e sacar a bola xogada. Os primeiros 20 minutos de partido foron claramente branquiazuis, dominando no marcador por un contundente 1-22. Sen embargo, nos últimos minutos da primeira parte, os locais conseguen meter 2 goles e manter así no partido. Pese a todo, os Fillos seguían mantendo unha diferencia alta ó descanso, liderando 29-8.
A segunda parte comeza coa mesma intensidade que a primeira, tralo descanso físico e algunhas correccións tácticas por parte do adestrador. Mudou un pouco a estratexia para intentar reducir as combinacións do rival no medio campo. Os fillos gañaban os balóns en 3 cuartos de campo, deixando bastantes espazos no medio e na defensa. O equipo santiagués tentaba frear os nosos atacantes acumulando xente na frontal do seu campo, para logo sacar a bola buscando os desmarques en longo dos seus dianteiros. Foron capaces de finalizar máis veces a paus, pero tan só conseguiron un gol máis que tivo que chegar dende o punto de penalti. Os nosos atacantes continuaron incrementando as diferencias, conseguindo catro goles máis (un deles tamén de penalti) e once puntos dende a distancia. O resultado final, 16-52 con cor branquiazul.
Pese a que a próxima fin de semana tanto a liga masculina como a feminina descansan por mor da festividade, esta semana continúan os adestramentos, luns en San Pedro de Nos de 21:00 a 22:30 horas e mércores na Torre de 21:30 a 23:00 horas.