Fillos de Breogán deu por rematada a temporada 21/22 coa participación nas Finais Ibéricas celebradas en Valencia.
A competición masculina consistiu nunha fase de grupos con tres equipos cada un, seguida por semifinais e final. Os Fillos de Breogán impuxéronse a Herdeiros de Dhais na fase de grupos, non así a Madrid Harps, aínda que conseguindo igualmente o pase ás semifinais. Neste partido caeron derrotados contra Valencia, os vencedores da competición, e remataron o torneo nunha meritoria terceira posición tras impoñerse a Éire Óg Sevilla.
Na competición feminina, as Fillas de Breogán xogaron unha fase de grupos formada polos cinco equipos participantes. Tras dúas derrotas moi axustadas contra Barcelona e Independiente-Turonia e outra máis clara contra as vencedoras da competición, Valencia, as Fillas gañaron a Éire Óg Sevilla rematando o torneo na cuarta posición.
Desde Fillos de Breogán queremos dar as grazas aos compañeiros de Independiente-Turonia e Éire Óg Sevilla que completaron o equipo masculino, así como ás compañeiras de Estrela Vermella que xogaron co noso equipo feminino.
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico realizou unha reportaxe fotográfica do Torneo que podedes ver nesta ligazón.