Gran participación de Fillos de Breogán na Eurocopa de seleccións

Esta fin de semana celebrouse a Eurocopa de Seleccións en Pontevedra e Poio, gozando dunha numerosa participación de xogadores e xogadoras de Fillos de Breogán.

Un campionato e un subcampionato para os equipos femininos

A selección de Galicia A contou, como xa é habitual, coa presencia de Alba e Leti. As de Pablo da Silva obtiveron pleno de vitorias na fase de grupos, impoñéndose a Francia B, Alemaña, Luxemburgo e Bretaña. Xa na fase final da Copa, derrotaron á selección de Benelux pero non foron quen de vencer á favorita do torneo, Francia, nun partido moi disputado pero que finalmente se levaron as galas cun 15 (3 – 06) – 10 (1 – 07).

A selección feminina B contou coas xogadoras de Fillas Vane, Jenny e Iria. Este combinado finalizou a fase de grupos en terceira posición, que supoñía o seu pase á Copa, aínda que polas normas do torneo non podía haber dous equipos da mesma selección na fase final e finalmente xogaron a Shield. Na fase de grupos conseguiron tres vitorias contra o equipo da GGE, Luxemburgo  e Iberia, sendo derrotadas polas seleccións de Francia A e Benelux. Na fase final abríronse paso á final tras vencer a Bretaña, e un gol no último suspiro do partido deulles a vitoria ante Francia B por 6 (1 – 03) –  7 (1 – 04), alzándose así coa copa Shield.

Houbo tamén presencia de Fillas de Breogán na selección de Iberia, que contou con Kamy, Oli e Cris. O combinado ibérico finalizou en cuarta posición tras vencer ao equipo da GGE e saír derrotadas ante Benelux, Galicia B, Francia A, aínda que ocuparon a praza de Galicia B na fase final da Copa, caendo derrotadas na semifinal ante Luxemburgo.

Pleno de pases ás fases finais nos campionatos masculinos, cun meritorio triunfo na categoría Development

A participación de Fillos de Breogán tampouco foi menor nos combinados masculinos, que contou con Dani Vaamonde e Javi Cagiao na selección galega absoluta. Galicia sufriu un pouco máis na fase de grupos que as súas homólogas femininas, xa que acadou o pase á fase final xa na segunda xornada do europeo tras impoñerse a Benelux, Iberia e Bretaña, e saír derrotada ante Luxemburgo e Francia, sendo expulsados do torneo na semifinais da Copa por este último combinado.

Galicia tamén contou cun combinado na categoría Development, con presencia de Fillos tanto no corpo técnico, da man de Alberto Méndez, coma no campo, onde Bruno foi o noso representante. A participación desta selección no seu torneo foi memorable e os de Méndez finalizaron a competición invictos tras vencer a Occitania, Alemaña, Gascoña e Italia nas fases de grupos, o equipo da GGE na semifinal da Copa e a Francia B na final.

A selección con maior presencia do noso club foi, sen dúbida, a absoluta de Iberia, na que participaron Iago, Diego Sánchez, Rober, Martín, Fran Angueira, Ángel, Nafa, Dani Vázquez e Víctor. Este equipo tamén esperou ao derradeiro partido da fase de grupos para acadar o seu pase á fase final da Copa, trala vitoria ante Benelux e as derrotas ante Francia, Galicia, Luxemburgo e Bretaña. Ao igual que o combinado galego, a sorte non acompañou na fase final da Copa, xa que desta volta caeron derrotados ante Benelux.