Cuarta Xornada. 16 Novembro 2019

Dobre vitoria para o clube nesta fin de semana de desprazamentos, onde as Fillas acadan a súa primeira victoria nesta liga e Fillos continúa a súa boa racha.

Comezaban as fillas de Breogán co seu desprazamento ata Gondomar, a viaxe máis longa da liga galega onde se atoparían ás rapazas de Turonia, que no seu segundo ano de competición, están facendo un moi bo papel aportando xogadoras á Selección Galega. Os prognósticos para as nosas rapazas non eran bos, xa que viñan de colleitar dúas duras derrotas fronte Estrela e Auriense, e contaban con numerosas baixas para xogar debido ó horario e á distancia do desprazamento.

Partido igualado onde a vitoria finalmente viaxou cara Coruña. Comezaba o partido con moita intensidade por parte de ambos equipos. As xogadoras do Turonia, non baixaron o ritmo en ningún momento alentadas polos intentos da súa dianteira cara a portería rival, máis as Fillas de Breogán, férreas en defensa, impediron a transformación da maioría deses disparos. Ao descanso, o marcador ofrecía unha vantaxe de 12 puntos para as rapazas da Coruña que saían de novo ao campo cun claro obxectivo, manter a intensidade.

Durante a segunda parte, as combinacións encadeadas entre as rapazas de Fillas, creando xogadas dende a defensa, culminaron no acerto a portería aumentado o número de goles para o combinado herculino, facendo que a chagada a paos das xogadoras de Gondomar fose insuficiente para facerse co partido. O resultado final foi de Turonia FGF (3-14) – (6-18) Fillas de Breogán.

As 17:00 horas era o turno dos Fillos, que viaxaban á Illa de Arousa con algunha baixa por lesión, pero cun plantel moi competitivo. Descoñecedores do nivel que amosarían os locais, os Fillos saíron moi ben posicionados, cunha alta presión a todo o campo e tentando dominar o marcador dende o comezo, finalizando todas as xogadas que tiñan. Os primeiros minutos demostraron que os Fillos viñan a gañar e demostrar que, xogasen onde xogasen, non demostrarían síntomas de fraqueza. Na primeira metade, pese a encaixar 1 gol e 3 puntos, dominaban a pracer chegando a meter 12 goles e rematando a punto outras tantas xogadas. No descanso lideraban 50 a 6.

Na segunda parte os visitantes cambiaron a estratexia e probaron a rematar a maioría de xogadas a punto, deixando mover máis a pelota ó equipo visitante, tan so encaixaron 4 puntos fronte ós case 30 dos coruñeses. Resultado final 1-7 78. A nota negativa deuna o noso porteiro Juan Mejuto, que tivo que ser trocado na segunda parte tras levar un golpe nas costelas loitando por un balón divido. Agardamos que se recupere e volva pronto.

Terceira Xornada. 9 novembro 2019

Despois do parón da fin de semana pasada, volvía a Liga Galega de Fútbol Gaélico á cidade herculina con dous encontros, ás 14:00 tería lugar o partidos masculino e ás 15:30 o feminino.

Fillos Vs Cambados FG

Os rapaces xogaban a terceira xornada contra o Cambados FG, mentres que as rapazas afrontaban o seu segundo encontro de liga contra as santiaguesas de Estrela Vermella.

Os primeiros en saltar o terreo de xogo do campo 3 da torre foron os Fillos, en fronte a eles, un equipo que viña de gañar o seu anterior partido ante Dorna da Illa Arousa, no que foi un partido moi igualado.

Nun encontro no que o vento xogou un papel importante para o desenrolo do xogo, os 9 de Seijas saíron moi enchufados e con gañas de decantar o marcador no seu favor. Cunha boa presión en todo o campo, os herculinos combinaban en ataque e defendían con moita intensidade, roubando rapidamente a bola e finalizando as xogadas a punto e a gol. A pesar de ter o vento en contra, provocando que varios tiros de longa distancia se quedasen curtos, a vantaxe foi bastante alta no marcador cun 5-7 (19) a 0-3 (3) para os visitantes.

Na segunda parte, co vento a favor para os coruñeses e as forzas dos pontevedreses en declive, os nosos foron capaces de incrementar as diferencias metendo 24 puntos mais e deixando a súa meta a cero. Resultado final 43-3 para os locais.

Ás 15:30 comezaba o encontro das rapazas, que se enfrontaban as líderes da liga e que viñan de facer un bo papel no Pan-Europeo de Viena. As rapazas de Víctor Santos saíron ó terreo de xogo coa intención de prolongar a súa boa dinámica de xogo. As santiaguesas comezaron máis enchufadas e botáronse arriba, aproveitando o vento a favor e a alta presión puxéronse por diante no marcador e tiveron un último tirón no que collerían varios tantos de vantaxe. Ás Fillas custáballes traballo mover a bola no medio campo e so conseguían tantos de falta na frontal da area. No descanso o marcador era 2 tantos a 10 para as visitantes.

Na segunda parte do encontro, as Fillas saíron cunha mentalidade máis ofensiva e cunha maior garra. Loitaron moito no medio campo e conseguiron facerse coa maioría dos balóns divididos, e gañando en posesión. Conseguiron marcar varios goles e tantos para achegarse no marcador. Sen embargo, as santiaguesas tiñan marxe de puntos suficiente para levarse os 2 puntos para a casa. Resultado final, 12-21.

Destacar a boa asistencia de publico tanto no partido masculino e feminino que, pese ó complicado do horario, animou os rapaces e as rapazas durante os dous encontros.