Segunda Xornada. 27 Outubro 2019

O domingo 27 de outubro, no campo de fútbol de Chaián-Augasantas (concello de Trazo) celebrouse a segunda xornada da Liga Galega. Como rival, o sempre temible Estrela Vermelha de Santiago, aínda que desta volta co seu filial, composto por xogadores novos que queren demostrar o bo nivel da canteira santiaguesa.

Os homes de Seijas chegaron ás instalacións onde tería lugar o encontro con unha hora de antelación, para centrarse en afrontar o choque de forma seria e intensa. Pese a ser o segundo ano de vida deste equipo B do Estrela Vermella, contaban con algúns xogadores que xa militaron no primeiro equipo, e sobre todo coa mesma garra e intensidade que caracteriza o equipo santiagués.

O partido comezaba ben para os nosos. Os 9 de inicio saíron con moita intensidade con gañas de demostrar a gran fortaleza e conxunto que se está a crear. Pronto, a presión e os pases entre liñas decantaron a balanza para os Fillos. Con 2 goles e 5 puntos nos primeiros minutos, fronte a un Estrela Gaels ó que lle custaba combinar e sacar a bola xogada. Os primeiros 20 minutos de partido foron claramente branquiazuis, dominando no marcador por un contundente 1-22. Sen embargo, nos últimos minutos da primeira parte, os locais conseguen meter 2 goles e manter así no partido. Pese a todo, os Fillos seguían mantendo unha diferencia alta ó descanso, liderando 29-8.

A segunda parte comeza coa mesma intensidade que a primeira, tralo descanso físico e algunhas correccións tácticas por parte do adestrador. Mudou un pouco a estratexia para intentar reducir as combinacións do rival no medio campo. Os fillos gañaban os balóns en 3 cuartos de campo, deixando bastantes espazos no medio e na defensa. O equipo santiagués tentaba frear os nosos atacantes acumulando xente na frontal do seu campo, para logo sacar a bola buscando os desmarques en longo dos seus dianteiros. Foron capaces de finalizar máis veces a paus, pero tan só conseguiron un gol máis que tivo que chegar dende o punto de penalti. Os nosos atacantes continuaron incrementando as diferencias, conseguindo catro goles máis (un deles tamén de penalti) e once puntos dende a distancia. O resultado final, 16-52 con cor branquiazul.

Pese a que a próxima fin de semana tanto a liga masculina como a feminina descansan por mor da festividade, esta semana continúan os adestramentos, luns en San Pedro de Nos de 21:00 a 22:30 horas e mércores na Torre de 21:30 a 23:00 horas.

CAMPIOAS EN VIENA!

Tras varios meses de preparación e organización por parte do club, 10 das nosas xogadoras e xogadores viaxaron ata a capital austríaca para disputar o Pan Europeo, un torneo onde se enfrontaron escuadras de toda Europa. Tanto rapaces como rapazas quedaron encadrados na categoría Intermediate, cruzándose con equipos de nivel como Lovaina, Nantes, Varsovia, París ou Múnic, entre outros.

Os nosos rapaces non contaban con efectivos suficientes como para presentar equipo, polo que uniron forzas cos seus semellantes de Valencia e formaron un combinado para saír a competir. Comezaron o torneo o sábado as 8:30 AM nun grupo duro, fronte a equipos veteranos como Leuven (Lovaina), Jersey e Nantes. Os resultados respectivos foron unha derrota, un empate e unha vitoria. A seguinte rolda, xa despois de comer, sería contra o Varsovia B para loitar polo 5 ou 6 posto. Logo dun partido moi físico e con moitas variacións no marcador, os nosos representantes acadaban a vitoria por 1 punto de diferencia anotado na última xogada do partido. A continuación veríanse as caras contra os holandeses de Den Haag, nun dos últimos partidos do torneo. Os nosos rivais, cunha mestura entre xogadores experimentados e novos, demostraron ser máis eficaces nos seus achegamentos a portería e finalmente acadarían a vitoria. Polo tanto, o combinado valenciano-coruñés acadaba así un meritorio sexto posto na súa categoría.

A gran noticia positiva chegaría gracias ás nosas Fillas, medrando como equipo partido a partido e mostrando un gran nivel que foi en incremento durante toda a competencia. Ás seis representantes do club xuntaríanse dúas integrantes de Gaélicos do Gran Sol (Gema e Marta), dúas de Éire Óg Sevilla (Cristina e Stéphanie) e unha de Valencia (Francesca), que non fixeron máis que sumar e formar un gran bloque dende o inicio da viaxe. Algunhas das rapazas coñecíanse de xogar xuntas este verán no mundial disputado en Waterford (Irlanda), polo que foi moi sinxelo o entendemento entre elas.

As Fillas comezaban a súa participación ás 10:00 da maña. O grupo no que se encontraban incluía equipos como Varsovia, Praga, e Viena. Despregando un gran xogo de combinación e moi eficaz de cara á meta rival, conseguían tres incontestables vitorias coas que finalizaron a fase de grupos liderando a clasificación. Xa nos cruces, habería que superar a Múnic (primeiras do seu grupo) para poder acadar a o partido que da dareito a loitar polas medallas, e logo dun partido moi traballado, a vitoria tinguiuse de branquiazul e as Fillas clasificábanse para a gran final. O rival que lles agardaba era París, unha das grandes favoritas para levarse o título a terras francesas e que viña de reforzar o equipo con xogadoras belgas. Comezaba así un partido moi duro e igualado cunhas rivais coñecidas doutros torneos. A pesar de contar con poucos cambios e agravado pola sanción dunha das nosas defensas, o que lle impediu ser da partida, as nosas rapazas nunca lle perderon a cara ó encontro e chegaban ó descanso un punto por abaixo no marcador. Un gran último esforzo na segunda metade sumado á gran efectividade de cara á portería rival, acabaría dándolle a vitoria final a Fillas. Un premio sen dúbida proporcional ó gran torneo que fixeron todas as integrantes do equipo.

Panaeuropeo Viena 2019

Durante esta fin de semana terá lugar en Viena o Pan Europeo de clubs, que reunirá nunha competición de un día a arredor de 700 xogadores de todo o continente na capital austríaca.

Nesta ocasión, alégranos anunciar que o noso club terá representación, tanto feminina como masculina, nesta competición. As Fillas presentan equipo coa axuda de xogadoras de Gaélicos do Gran Sol (Barcelona), Valencia GAA e Éire Óg Sevilla. As nosas rapazas loitarán para traer á Coruña o título en categoría Intermediate. Por outra banda, os rapaces unirán as súas forzas cos compañeiros de Valencia GAA, formando así un combinado que loitará na categoría Intermediate polo triunfo final.

Tanto as nosas rapazas como os rapaces darán o mellor de si para deixar o Gaélico Galego en bo lugar, e así mostrar o potencial que ten a nosa liga xunto cos compañeiros de Estrela Vermelha, Irmandinhos da Estrada, Herdeiras de Dhais e de outros xogadores da liga que se unirán a diferentes equipos.

Primeira Xornada. 12 Outubro 2019

Volveu a Liga Galega de fútbol gaélico, e comezou na cidade herculina, cos enfrontamentos masculino e feminino entre as Fillas e Fillos de Breogán e o Auriense FG. A primeira xornada comezaba nos campos de fútbol da Torre enfrontamento entre as escuadras da categoría masculina, e a continuación tocaríalle ás rapazas. Os resultados deixan un sabor agridoce, cunnha vitoria contundente para os homes, e derrota dolorosa (pola mínima) das mulleres.

Os xogadores de Seijas comezaban o encontro as 14 horas fronte a un rival que viña de vencer e convencer no remate da pasada campaña, batendo ó equipo coruñés con claridade na cidade das Burgas, e tendo moi bos resultados na copa galega, caendo na final, e no ibérico, proclamándose vencedores. Tralas derrotas acadadas nos pasados encontros de preparación fronte os Madrid Harps, en Salamanca, e os Herdeiros de Dhais, na Coruña, os nosos rapaces tiñan moitas ganas de amosar todo o potencial acadado nos adestramentos de pretempada.

Comezo moi serio con algunha baixa por lesión ou indisposición, un cadro de 15 xogadores que lle poñía as cousas difíciles ó adestrador para confeccionar o equipo titular. Cunha idea de xogo clara e unha boa disposición do equipo no campo, os xogadores puxéronse cedo por diante. Golpearon varias veces a portería do rival, tanto con goles coma con puntos, e a alta presión non dou respiro ós ourensáns. Nos primeiros 15 minutos, os coruñeses dominaban no marcador por un contundente 14-2 e non baixarían o ritmo ata o descanso, conseguindo elevar a diferencia até os 26-7. Tanto a forma física da escuadra como as condición meteorolóxicas estaban do lado branquiazul.

Tralo descanso, o esforzo pasou factura e o equipo visitante fixo un intento por achegarse no marcador. Sen embargo, as rotacións e o cambio de sistema reestruturou o equipo e non só conseguiu manter a diferencia, senón incluso aumentala. O final do partido, o marcador reflexou un 39 (7-18) – 14 (2-8).

Ás 15:30 tocáballe ás rapazas adestradas por Víctor Santos, conxunto que chegaba cunhas sensacións similares ó masculino tralo triangular disputado o pasado fin de semana contra Estrela Vermelha e Herdeiras de Dhais. As rapazas tiñan moitas ganas de comezar, sobre todo as novas incorporacións, e poñer en práctica a táctica traballada nos adestramentos, aínda que tamén contaban con varias baixas importantes. E facíano contra un grandísimo rival, aspirante a finalizar na parte superior da clasificación e facendo un moi bo papel na pasada tempada. Comezaba o partido con moitos nervios e imprecisións no equipo das Fillas, e cun Auriense que avanzaba a campo rival sen complexos. Dominou no xogo pero non acadou grandes diferencias no marcador. No descanso, as visitantes vencían por 3 puntos de diferencia gracias a dous goles.

Tralo comezo da segunda metade, un cambio de estratexia e actitude das nosas xogadoras puxo ó equipo visitante contra as cordas e estivo a punto de igualar o encontro en dúas ocasións. A mala sorte e as innumerables oportunidades que bateron nos paus (polo menos 2 en cada parte) deron coa primeira derrota das nosas rapazas. O resultado final, 11 (1-8) – 12 (2-6) para as ourensás. Unha magoa xa que a reacción que tiveron as nosas compañeiras demostrou que hai potencial para facer moitas cousas, e agardamos que o tempo poña o noso equipo onde se merece.